Ir o contido principal

16.000 quilómetros de viaxe con Manolo

O proxecto Manuel Rodríguez López cumpriu en 2018 varios fitos importantes. Se na edición anterior falabamos de que o proxecto cumpría cinco anos, foi agora a exposición itinerante a que chegou a esta idade. En agosto de 2018 o Proxecto chegaba ó Museo da Fonsagrada, xusto cinco anos despois de ser inaugurada na Casa da Cultura de Paradela.

E despois de tanto tempo, este proxecto non esmorece, senón todo o contrario: Cando a exposición itinerante volveu de Valladolid cara á nosa terra no mes de decembro, acadaba a cifra de 16.000 quilómetros acumulados en desprazamentos ó longo de toda a Península, e chegando incluso ás Illas Canarias.

Máis de cinco anos, máis de 16.000 quilómetros, pero sobre todo milleiros e milleiros de persoas que dun xeito ou outro participaron no Proxecto, que se achegaron a Manuel Rodríguez López, á súa vida, á súa ampla obra literaria, ó amor pola súa terra, e ó vencello establecido entre Galicia e Cataluña.

Resumimos a continuación o estado de proxecto  seguindo as tres liñas fundamentais do mesmo.

Web

O portal web de Manuel Rodríguez López, unha das máis completas webs que teña un escritor galego, recolle a súa obra completa e a información máis salientable da súa existencia, en catro idiomas: castelán, galego, inglés e catalán.

Dentro dos preto de 3 Gb de información que posúe a web destacan unha completa base de datos sobre o Certame Literario de Paradela, e unha ampla colección de documentos, fotografías, vídeos, audios e recortes de prensa que reflicten a intensa actividade literaria e intelectual de Manuel Rodríguez López.


 

No seu sexto ano de funcionamento  esta web recibiu máis de 4.000 visitas mensuais.  É dicir, máis de 100 persoas cada día entraron nesta plataforma para descubrir ou coñecer mellor a Manuel Rodríguez López.

Exposición Itinerante

A Exposición Itinerante sobre a vida e obra de Manuel Rodríguez está formada por 16 paneis informativos, que poden ser vistos integramente na web. Esta exposición púxose en marcha en Paradela, en agosto de 2013, e ten percorrido practicamente todas as vilas e cidades importantes de Galicia.

Ademais, visitou os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria, as Universidades de Cáceres, Granada e Bilbao, e a Casa de Galicia en Madrid. En Portugal  estivo no Centro Galego de Lisboa, na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva en Braga, da man da Universidade do Minho, e na Universidade de Faro.

Xa este ano, a exposición chegou a Palas de Rei, A Fonsagrada e ó Centro Galego de Valladolid. Pero o desprazamento máis destacado foi o da Casa de Galicia en Las Palmas de Gran Canaria, un  novo fito no proxecto, que permitiu chegar aos 38 emprazamentos e aos 16.000 quilómetros que destacabamos ó inicio.


 

A madurez do proxecto Manuel Rodríguez López segue patente no impacto cada vez maior que ten nos medios de comunicación, tanto en papel como en Internet. Se as primeiras exposicións practicamente non tiveron presenza nos medios máis aló do anuncio nos medios locais, hoxe en día conservamos na web centos de referencias ó proxecto en Internet, xornais, radio e televisión.

Manuel Rodríguez López, 25 anos despois

Dentro das publicacións impresas, seguimos adiante coa difusión das reedicións de dúas publicacións de grande importancia no proxecto: a Antoloxía Poética, creada por Xesús Alonso Montero e Santiago Rodríguez, e o folleto que recolle todos os contidos da exposición itinerante.

As obras de Manolo Rodríguez tamén seguen ao dispor do público na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital, que periodicamente vai incorporando novas obras do autor: nestes intres son 12 os libros publicados, pero esta cifra vai incrementándose pouco a pouco.

Pero a novidade editorial do ano 2018 foi “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois” , un libro que recompila os traballos de medio cento de persoeiros da política e da cultura galega, e de participantes no Certame Literario de Paradela, en torno á figura de Manuel Rodríguez López.

Son textos (e ilustracións) elaborados en conmemoración do 25 aniversario do pasamento do autor, que tamén están na web do proxecto, e que agora en papel se converten na mellor testemuña da fonda pegada que Manolo deixou en todos aqueles que o rodeaban.

Destacan as colaboracións do alcalde de Paradela (Xosé Manuel Mato), os responsables de Cultura da Deputación de Lugo (Antón Bao e Mario Outeiro), os secretarios Xerais de Política Lingüística (Valentín García) e Cultura (Anxo Lorenzo), artistas gráficos como Álvaro de la Vega e Siro López, e autores da talla de Adolfo Abel, Xesús Alonso Montero, Xavier Rodríguez Barrio, Darío Xohán Cabana, e moitos outros.

Agradecementos

Se falabamos ó principio dos milleiros de persoas ós que chegou o proxecto, debemos falar tamén de todos aqueles que fan posibles todas estas accións.

De todos os colaboradores que aportan materiais para a web ou para as publicacións do proxecto.

Dos equipos responsables de cada un dos centros onde levamos a exposición itinerante, que sempre nos reciben co maior agarimo en interese, e fan todo o posible para que cada acto sexa un éxito.

De todas as institucións e entidades que incansablemente, ano tras ano, dan o seu soporte e o seu pulo ó proxecto: a Familia de Manuel Rodríguez López, o Concello de Paradela, a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Daquelas persoas que son especialmente sensibles ó noso obxectivo e están presentes, dun xeito ou doutro, cada vez se lles necesita, aínda que non se lles pida: Xesús Mato, Xosé Manuel Mato, Xesús Alonso Montero, Valentín García...

A todos eles, Grazas. De corazón. Non podemos dicir moito máis, pero si comprometernos a seguir adiante co proxecto, a seguir cumprindo anos, a seguir percorrendo quilómetros, da man de Manuel Rodríguez López.