Vés al contingut

Sabede, os que isto ledes, que Manuel Oreste era para min un home que sempre estaba e sempre viña. Sabede que estaba presente aínda no lonxe, porque non saía da Terra, ...quero dicir que non marchaba mais que fisicamente. Estaba ao día de todos os aconteceres e con esa estraña perspectiva dos que ven máis horizonte precisamente porque están lonxe. Pero Manuel Oreste nunca se ía de nós. Eu atopábao paseando Lugo. Notábase que viña respirando a cidade e recadando o aire das rúas, dos camiños de auga e pedra por baixo os ceos cincentos. Viña de Barcelona cargado de ansias e desexos que, probablemente, logo escachaban contra os muros de incomprensión endurecidos polas represións e silencios. Contábame dos seus libros e poemas, algún deles musicado polo meu compadre, tamén falecido, Suso Vaamonde. Cantas veces cantamos a de Vestida de aldraxe e mouras cubizas, ... E quen me había dicir a min que un poema que eu fixen “Quixo o paxaro pousar na ponla o seu chío” dedicado ao Suso cantor, chegaría a ser premio Manuel Oreste no ano 2000. Suso leuno, cando xa estaba ben enfermo, e gustou del, mesmo sei que se emocionou. Xuntámonos deste xeito nunha aventura común, de novo os tres.