Ir o contido principal

O proxecto Manuel Rodríguez López no ano 2020

per Antonio Giz (Director de GaliciaDigital)

O proxecto “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro”, nado co obxectivo de dar a coñecer a figura e a obra do noso amigo Manolo, cumpre no ano 2020 8 anos. 8 anos desde que foi presentado na Casa da Cultura de Paradela, no Nadal de 2012. Desde aquel momento, o proxecto comezou a andar, e deu multitude de froitos, algún deles proxectados desde o primeiro momento, moitos outros sorpresas agradables que fomos atopando polo camiño, grazas a unha morea de amigos, colaboradores e entidades que acolleron a exposición itinerante.

Pero este ano, a maldita pandemia interpúxose no habitual transcorrer do proxecto, e fixo que a exposición itinerante non se puidese trasladar a ningún dos lugares que estaban proxectados. Iso, sen embargo, non significa que o virus conseguise parar o noso proxecto. Nin moito menos. Precisamente, esa parálise forzada nunha das nosas liñas de traballo fixo que nos puidésemos dedicar a outras tarefas, que relataremos en detalle a continuación.

Exposición Itinerante

A Exposición Itinerante sobre a vida e obra de Manuel Rodríguez está formada por 16 paneis informativos, que poden ademais ser vistos integramente na web do proxecto.

Exposición Itinenrante

Se ben este ano non temos novidades acerca dela, cómpre lembrar que, desde que a mostra foi presentada en Paradela hai 7 anos, xa percorreu practicamente todas as cidades e vilas importantes de Galicia, así como os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria, Valladolid, Las Palmas de Gran Canaria, Llodio, Sevilla, Pamplona ou Santander, e as Universidades de Cáceres, Granada e Bilbao, e a Casa de Galicia en Madrid. En Portugal estivo no Centro Galego de Lisboa, na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva en Braga, da man da Universidade do Minho, e na Universidade de Faro. En total, 47 emprazamentos distribuídos por toda a península, e máis de 20.000 quilómetros percorridos.

E mentres pasamos polo obrigado descanso, continúan as xestións para retomar o ritmo habitual en 2021: Burela, San Cibrao, Lalín, A Estrada, Narón, As Pontes, Ortigueira, Redondela, Logroño, Zaragoza, Valencia, Oiartzun... Confiamos en poder levar a mostra itinerante a moitos destes lugares o ano que vén.

Web

O portal web de Manuel Rodríguez López, unha das máis completas webs que teña un escritor galego, recolle a súa obra completa e a información máis salientable da súa existencia, e segue a recibir máis de 100 visitas diarias. Máis de 3 Gb de información nunha ampla colección de documentos, fotografías, vídeos, audios e recortes de prensa que reflicten a intensa actividade literaria e intelectual de Manuel Rodríguez López.

Nova Web

Esta web acaba de experimentar unha profunda transformación, encamiñada a adaptala ás novas tecnoloxías e ás tendencias no deseño web que apareceron nestes últimos tempos. Así, a día de hoxe podemos anunciar que contamos cunha nova web do proxecto, cun deseño gráfico totalmente renovado, adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles, e cunha nova estrutura da información almacenada, que pretende facer que a web sexa máis accesible.

Publicacións

Xa son 16 os libros de Manuel Rodríguez López que recolle a Biblioteca Virtual de GaliciaDigital. Paseniñamente, imos incorporando novos títulos, tanto obras xa publicadas como inéditas, e así seguiremos ata ter as súas obras completas na nosa Biblioteca.

BVGD

Pero non son estas as únicas obras relacionadas con Manolo que se publicaron este ano na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital. Cabe destacar a publicación de “Exposición Itinerante Manuel Rodríguez López 2013-2020”, obra de Santiago Rodríguez e Antonio Giz, na que se dá conta de todo o conseguido coa nosa mostra, desde a súa presentación en Paradela no ano 2013 ata as últimas visitas realizadas o ano pasado. A extensión da obra (650 páxinas) dá unha idea bastante clara da cantidade de traballo realizado por todo o equipo do proxecto, e de todos os logros acadados.

Cara a 2021

Coidamos que despois de todo o relatado, queda demostrado que o ano 2020 non foi una ano perdido, nin baleiro. Foi, si, un ano no que sufrimos unhas circunstancias especialmente complicadas, pero que no caso deste proxecto serviron para reinventarnos, para revisar todo o que había feito, mellorar moitas cousas, e poñer as sementes para o ano 2021.

A nosa intención é, polo tanto, retomar o funcionamento habitual do proxecto, se as circunstancias o permiten, convencidos de que o mellor está por chegar. Esta convicción vén da seguridade que nos aportan todas as persoas e entidades que seguen colaborando co proxecto: Institucións (Concello de Paradela, Deputación Provincial de Lugo, Real Academia Galega e Xunta de Galicia), amigos  (Xesús Mato, Xosé Manuel Mato, Xesús Alonso Montero, Valentín García...), colaboradores... Forman un equipo que vai crecendo ano a ano, e que achega o seu traballo e ilusión para que, un ano máis, sigamos traballando pola memoria de Manuel Rodríguez López. O noso agradecemento para todos eles.