Ir o contido principal

O poeta de Paradela (Lugo), Manuel Oreste Rodríguez López (1934/1990) pertence á caste e cerne dos que, ao través da longa e fermosa historia de Galiza, se decidiron a amar, a fondo perdido, á súa Terra/Mai e á súa Xente sinxela, traballadora e, demasiadas veces, tamén marxinada. Por dereito propio, Manolo ascendeu ó parnaso dos elixidos, dos que souberon estar á escoita constante das ilusións, alegrías e angustias do seu Pobo e acertaron co xeito de ollar e de amosar os camiños que levan á liberdade e á paz, sendo quen de manter forte e firme a esperanza. Coas armas pacíficas da poesía e da vida! Sen facer moito barullo. O lembrado poeta de Paradela, na segunda metade do século XX, soubo fiar e xunguir, a perfección e coa súa coherencia de vida, unha solemne sinfonía portadora dunha mensaxe de lucidez ante as loitas e inquedanzas de futuro das que nos falara, noutrora, o poeta/autor da letra do himno oficial de Galiza, D. Eduardo Pondal. “Os novos tempos van chegando” aínda que sexa a modiño. Grazas ao traballo e o esforzo dos novos poetas que veñen a ser os profetas do noso tempo.